SAN SADURNIÑO ENERXÍA XA TEN XUNTA DIRECTIVA E CONSTITUIRASE O 28 DE AGOSTO
Vinte persoas participaron na asemblea do 13 de agosto na Casa da Cultura, na que se acordaron as persoas que integrarán a primeira Xunta Directiva da comunidade enerxética.
San Sadurniño Enerxía entrou na súa recta final. O xoves 13 de agosto de 2026, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu a asemblea aberta na que se presentou o proxecto de comunidade cidadá de enerxía do concello. Participaron 20 persoas, entre veciñanza e representantes municipais.
Ao longo da sesión explicouse en que consiste unha comunidade enerxética, léronse os estatutos que rexerán a asociación e resolvéronse as dúbidas das persoas asistentes. O punto principal chegou ao final: a asemblea acordou as persoas que integrarán a primeira Xunta Directiva da entidade.
Cita o 28 de agosto para a sinatura
A asemblea emprazouse para o venres 28 de agosto, ás 17:00 horas, data na que se asinarán os estatutos e a acta fundacional. Nese momento San Sadurniño Enerxía quedará formalmente constituída como asociación sen ánimo de lucro, ao abeiro da Lei orgánica 1/2002 do dereito de asociación, con domicilio social na Casa do Concello de San Sadurniño. A partir de aí iniciaranse os trámites de inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia e a obtención do CIF.
O que hai sobre a mesa
Na sesión presentáronse os resultados do estudo de implantación realizado no concello, que analiza 17 cubertas municipais cun potencial de 609 kW. O núcleo de arranque —centro de empresas, piscina e cubertas do campo de fútbol— suma 99,3 kW de potencia e 96.878 kWh anuais. Á parte, o proxecto do pavillón polideportivo municipal tramítase a través da convocatoria Leader de AGADER.
Presentouse tamén o consumo agregado, a primeira ferramenta que a comunidade pode activar de inmediato: sumar a demanda eléctrica de fogares e negocios para negociar mellores condicións de contratación, sen obras e sen cambiar nada na instalación.
Como asociarse
O prazo de alta de persoas socias está aberto. Pode facerse de xeito presencial ou a través do formulario en liña. A alta é gratuíta e non implica permanencia nin compromiso económico ningún.
Máis información e alta como persoa socia en San Sadurniño Enerxía · 677 737 321 · oficina@enerxia.eu




