CONVOCATORIA PARA A CONSTITUCIÓN DA ASOCIACIÓN «SAN SADURNIÑO ENERXÍA»
O vindeiro xoves 23 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de San Sadurniño, terá lugar unha convocatoria aberta á cidadanía para presentar San Sadurniño Enerxía, o proxecto de comunidade enerxética do concello, que se constituirá formalmente como asociación sen ánimo de lucro nese mesmo acto. A iniciativa busca implicar a fogares e negocios do municipio nun modelo de xestión da enerxía máis colaborativo, sostible e orientado ao aforro.
O encontro servirá para explicar á veciñanza en que consiste o proxecto, como pode contribuír a mellorar as condicións do consumo eléctrico a través da acción colectiva e que oportunidades pode ofrecer para reducir custos na factura da luz, acceder a mellores condicións nas tarifas e reforzar o uso de enerxías renovables.
Presentaranse tamén os resultados do estudo de implantación realizado no concello, que analiza 17 cubertas municipais cun potencial de 609 kW, e o proxecto da primeira instalación solar no pavillón polideportivo municipal.
Na propia xornada leranse os estatutos, constituirase a asociación e abrirase o prazo para asociarse, tanto de xeito presencial como a través do formulario en liña. A entrada é libre e gratuíta.
Para máis información: 677 737 321 · oficina@enerxia.eu




