SAN SADURNIÑO CONSTITUIRÁ A SÚA COMUNIDADE ENERXÉTICA O 13 DE AGOSTO
O vindeiro xoves 13 de agosto, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de San Sadurniño, terá lugar unha convocatoria aberta á cidadanía para presentar San Sadurniño Enerxía, o proxecto de comunidade enerxética do concello, que se constituirá formalmente como asociación sen ánimo de lucro nese mesmo acto. A veciñanza pode, ademais, solicitar a súa alta como socia desde este momento.
O encontro servirá para explicar á veciñanza en que consiste o proxecto, como pode contribuír a mellorar as condicións do consumo eléctrico a través da acción colectiva e que oportunidades ofrece para reducir custos na factura da luz, acceder a mellores tarifas e reforzar o uso de enerxías renovables.
O proxecto que se vai presentar
Presentaranse os resultados do estudo de implantación realizado no concello, que analiza 17 cubertas municipais cun potencial de 609 kW, o núcleo de arranque —centro de empresas, piscina e cubertas do campo de fútbol, con 99,3 kW de potencia e 96.878 kWh anuais— e o proxecto do pavillón polideportivo municipal, que se tramita á parte a través da convocatoria Leader de AGADER.
Na propia xornada leranse os estatutos, constituirase a asociación e abrirase o prazo para asociarse, tanto de xeito presencial como a través do formulario en liña.
Como participar
Desde a organización faise un chamamento á asistencia a esta convocatoria, aberta e gratuíta, como unha oportunidade para coñecer de primeira man unha iniciativa pensada para xerar aforro e avanzar cara a un modelo enerxético máis beneficioso para o conxunto do municipio.
Xoves 13 de agosto · 20:00 h · Casa da Cultura de San Sadurniño · Entrada libre
Máis información e alta como persoa socia en San Sadurniño Enerxía · 677 737 321 · oficina@enerxia.eu




