A nova Oficina da Enerxía de O Rosal nace co obxectivo de promover a creación de comunidades enerxéticas locais

A Oficina da Enerxía, impulsada polo Concello de O Rosal, foi inaugurada este martes nun acto celebrado na Sala de Exposicións da Casa do Concello, no que estiveron presentes decenas de persoas. Este espazo nace co claro obxectivo de promocionar un modelo enerxético que resulte máis sustentable e participativo, promovendo a creación de comunidades enerxéticas locais.

O evento de presentación contou coa participación da Alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, que foi a encargada de abrir o acto e dar a benvida a todos os asistentes. A rexedora salientou a importancia dunha iniciativa así no contexto municipal e amosou a súa seguridade de que se converterá nun referente na comarca a nivel de transformación enerxética.

En segundo termo tomou a palabra o Coordinador da Oficina da Enerxía, Rodrigo López Piquín, que detallou que este novo lugar ofrecerá asesoramento, formación e acompañamento a todos aqueles proxectos que estean relacionados coas enerxías renovables ou coa eficiencia enerxética. Tamén pormenorizou os obxectivos que se perseguen coa este espazo e as vantaxes que pode ofrecer á cidadanía.

Seguidamente, Xavier Simón Fernández, doutor en Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo, que deu a coñecer as claves do proxecto EC4RURAL, que el mesmo lidera, e que está centrado en promover a transición cara enerxías limpas nas áreas rurais. A súa visita serviu tamén para entregar unha distinción en forma de placa a esta Oficina de recente creación en O Rosal.

A continuación, o coordinador da Oficina da Enerxía expuxo aos asistentes o proxecto “O ROSAL ENERXÍA”. Esta iniciativa, impulsada polo Concello, busca a creación dunha comunidade enerxética na zona baixo o modelo de asociación se ánimo de lucro. Ademais, abriu unha rolda de preguntas para que os presentes resolvesen as dúbidas relacionadas con este particular.

Finalmente, a alcaldesa pechou ao acto animando a toda a veciñanza, tanto persoas como asociacións, a sumarse a este novo proxecto.

A nova Oficina da Enerxía estará situada no Edificio Multiusos de O Rosal. Terá un horario de atención de luns a venres de 10h a 14h e de 16h a 18h a través do teléfono 677 73 73 21 ou do correo oficina@enerxia.eu. Ademais, abrirá de forma física os xoves nese mesmo horario. En principio será necesaria pedir cita previa, aínda que calquera veciño ou veciña pode pasarse para solicitar información.

As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Novas relacionadas