SAN SADURNIÑO ENERXÍA XA É UNHA REALIDADE: ASINADOS OS ESTATUTOS E A ACTA FUNDACIONAL
O venres 28 de agosto de 2026 as persoas fundadoras asinaron os estatutos e a acta fundacional de San Sadurniño Enerxía. Coa sinatura, a comunidade cidadá de enerxía do concello queda formalmente constituída como asociación sen ánimo de lucro, ao abeiro do artigo 22 da Constitución e da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con domicilio social na Casa do Concello de San Sadurniño.
O acto dá continuidade á asemblea aberta do 13 de agosto na Casa da Cultura, na que participaron 20 persoas, se presentou o proxecto, se leron os estatutos e se designaron as persoas que integran a primeira Xunta Directiva da entidade.
Os seguintes pasos
Coa documentación asinada iníciase agora a inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia e a solicitude do CIF. Rematados eses trámites, a asociación poderá operar con plena capacidade: asinar convenios, xestionar as altas de persoas socias e poñer en marcha os primeiros servizos.
Que poderá facer a comunidade
San Sadurniño Enerxía nace con dous camiños por diante. O primeiro é o consumo agregado: sumar a demanda eléctrica de fogares e negocios para negociar mellores condicións coas comercializadoras. Non require obras nin subvencións, cada persoa mantén a liberdade de elixir compañía e é compatible co bono social.
O segundo é o autoconsumo colectivo. O estudo de implantación realizado no concello analiza 17 cubertas municipais cun potencial de 609 kW. O núcleo de arranque —centro de empresas, piscina e cubertas do campo de fútbol— suma 99,3 kW de potencia e 96.878 kWh anuais. Á parte, o pavillón polideportivo conta cun proxecto de 113 kWp presentado á convocatoria Leader de AGADER.
Agora tócache a ti
Coa asociación constituída, o prazo de alta de persoas socias está aberto para toda a veciñanza e os negocios do concello. Canta máis xente participe, maior será a capacidade de negociación coas comercializadoras e máis enerxía haberá dispoñible para repartir entre as persoas asociadas. Asociarse é gratuíto, sen permanencia e sen ningún compromiso económico.
Máis información e alta como persoa socia en San Sadurniño Enerxía · 677 737 321 · oficina@enerxia.eu




