Coirós avanza cara a un futuro enerxético sostible coa fundación da Asociación «Coirós Enerxía»

O Concello de Coirós, co apoio de 17 veciños e veciñas, constituíu, o pasado 29 de abril, a asociación “Coirós Enerxía”.  Esta asociación, que ten como obxectivo principal promover a sustentabilidade e a eficiencia enerxética en Coirós, será presentada proximamente ao Pleno Municipal para a súa aprobación oficial.

Ademais, estamos encantados de informar que o proxecto «Coirós Enerxía» foi presentado á convocatoria de proxectos piloto de comunidades enerxéticas, denominada CELRURAL. Esta iniciativa, promovida pola FEGAMP e xestionada polo ITG, ten como obxectivo apoiar proxectos innovadores no ámbito das enerxías renovables e a sustentabilidade. Coirós está entre os 12 concellos finalistas nesta convocatoria, o que reflicte o potencial e o compromiso da nosa comunidade na transición cara a un futuro enerxético máis sostible.

No ámbito do proxecto, o Concello de Coirós está a traballar activamente na creación dun grupo tractor en colaboración coas empresas do Polígono de Coirós e está buscando apoios entre as Pemes locais. A participación en «Coirós Enerxía» ofrece diversas formas de colaboración, como o subministro de recursos técnicos, o apoio financeiro, o asesoramento en enerxías renovables e a participación en actividades de sensibilización e divulgación.

Ademais, para facilitar a participación dos veciños e veciñas de Coirós, lanzarase proximamente unha páxina web onde poderán atopar máis información sobre a asociación e un formulario para asociarse.

Para máis información sobre a Asociación «Coirós Enerxía» e sobre como participar, por favor, póñase en contacto a través do teléfono 981 796 414 ou envíe un correo a secretaria@coiros.es.